Aproando cara á recta final da
intervención, todo aquel que se achegue ao Castro de Baroña estes días pode
contemplar un espectáculo formidable: unha soberbia composición de longas
cortinas murarias que se solapan e xustapoñen, anulándose nalgúns casos,
integrándose outras nunha obra nova e renovadora.
Na foto, tirada ao medio día deste luminoso martes de maio, pódese observar
unha das áreas de actuación prioritaria,
a zona norte da muralla, un sector historicamente nunca ben definido. Á
esquerda apréciase a segunda muralla, seguida do formidable corredor, onde se
atopa Marta, que se apoia na muralla achanzada da primeira fortaleza. En
primeiro plano, Champi traballa no levantamento dos recrecidos levantados con
formigón nos anos oitenta, aquela especie de muro en V que, na Baroña que coñecíamos, semellaba unha dobre rampla de acceso ao socalco inferior.
Incluso nun estado tan pouco avanzado, somos quen de intuír os restos dun novo e complexo escenario.
Con toda esta sucesión de
coirazas, Baroña lémbrame cada día máis a unha matrioska, unha desas
típicas bonecas rusas que se van abrindo
e dentro, sucesivamente, aparecen outras, máis pequenas, pero igual de fermosas
e enigmáticas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario