Eu pensaba que só ía ser unha xornada de transición, despois da surada de
onte, pero ao final do día decateime que era un intermedio, como din en Ordes,
“para coller vuelo”. Así as cousas, o equipo de restauración comezou a
desmontar os falsos paramentos inzados na zona da porta nos anos oitenta; na
outra banda do castro, un ousado equipo de arqueólogos decidiu acometer a escavación
das unidades de rexistro interiores do corte 2, una zona intramuros que fora
parcialmente escavada por Luengo a finais dos anos 60.
Luengo era peculiar, e eu estou convencido que adicou a súa vida a procurar
una especie de Santo Grial. Esa copa máxica eran os cemiterios dos castrexos,
as tumbas da Idade do Ferro. Agora estamos nas capas superficiais, estratos
estériles e revoltos, xusto por riba das cacharelas e os niveis de cinza que el
albiscou, non se atreveu a proseguir e tapou. Seguirán aí? Foron a ensoñación
dun arqueólogo iluminado pero intuitivo? Non o sei, pero Baroña, polisémica por
natureza, ofrecerá, máis que respostas, novas e imprevisibles preguntas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario