Poucos anos despois
de que os Led Zeppelin compuxeran a súa lendaria canción, en Baroña
aconteceu un suceso extraordinario:
mudou de pel. Como un deses lagartos arnaos que te fitan desafiantes sobre as
pedras ao sol da mañá quente, botou no lombo unha nova camisa. As primeiras consolidacións dos restos arqueolóxicos
escavados no seu día por Luengo, extensos frontes de derrubes e muros
empoleirados sobre os cantís, acoirazaron os vestixios arqueolóxicos cunha resistente
funda de pedra e formigón. Salvaron o depósito histórico, e ese é o seu gran e
innegable mérito, pero crearon unha paisaxe monótona de circos pechados e
longos valados de pedra. Un escenario mudo e inmóbil.
Sen embargo, o Castro
de Baroña, lugar máxico por natureza, é especial, ata o punto de que nel pode
facerse arqueoloxía sen escavar. Xa o
tiñamos demostrado nas campañas de 2012, coa aparición das portas das casas, e
agora comprobouse cun dos descubrimentos máis sensacionais realizados ata a data.
A observación e a análise previa das estruturas arquitectónicas, tanto in situ
como sobre a documentación gráfica antiga pódenos levar a achados
impensables. Neste caso, a descuberta dun fantástico sistema de acceso ao
adarve da muralla, axuntado ao interior do paramento do primeiro recinto habitado. Trátase dunha
escaleira en V,dobre e con chanzos xustapostos de xeito alterno. Pero esta estrutura
marabillosa non estaba soa. Hai que poñela en relación co sofisticado proxecto de enxeñería defensiva que converteu a
porta do castro dun monumento de gran forza escenográfica: un inmenso pano
ciclópeo adornado por corpos de garda e torre barbacá.
Este achado volve a demostrar que o Castro está máis vivo que nunca e que
podemos empezar a imaxinar ás persoas que subiron ao camiño de rolda polos seus
chanzos gastados. Sei que nunca coñecerei os seu nomes, pero agora estou seguro
de saber por onde se movían … e cada noite soño con eles.
Só foi preciso
desmontar un paramento falso para que aparecese unha obra admirable. Baroña: o
castro do que nunca te marchas sen volver a vista atrás e, tamén dende agora, o
xacemento que se escava cos ollos.
Precioso. ¡Parabéns! Tamén as murallas de Elviña gardan secretos aínda por desvelar. Hai quen percibe o runrún do monumento, hai quen non. Dicíame hai moitos anos Carro Otero, cando con máis medo que vergoña comecei as escavacións en Dombate; "Amigo José María, ten por seguro que cuando a un yacimiento se le mima, el yacimiento responde". Ata agora sempre comprobei a certeza desa frase.
ResponderEliminar¡Ánimo e a seguir mimando a Baroña, que Baroña sabe, visto está, responder ben a quen lle pregunta con mimo, agarimo, profesionalidade e intelixencia, e diso estades sobrados!
E gracias por esta alegría inesperada. ¡Viva Baroña!