“Sesenta alumnos; sete docentes; cuarto
de infantil ata sexto de primaria; de tres a doce anos; CEIP Campanario”. Datos estatísticos tirados do caderno de campo e que
son obrigatorios neste “sen parar” constante de visitas escolares que é o
Castro de Baroña. Pero, de tan fríos que son, non fan xustiza á foto que acompaña este relato, ¿e
saben a razón? Pois é ben sinxela: o
CEIP Campanario é o colexio de Baroña, o herdeiro daquelas escolas unitarias do
rural galego que aínda viven na memoria de moitos de nós.
Por iso hoxe, cando descargaba sacos de morteiro e sentín o berro dos
compañeiros: “Veñen os rapaces!!”,
púxoseme a pel de galiña e souben que esta era una visita especial: estaban no
seu castro, no castro da súa parroquia.
Orellán,
Abuín, Tarrío,… sempre me fascinaron os topónimos da vella freguesía de Baroña, con esas sonoridades
contundentes que lembran a guerreiros pondalianos. Pero os protagonistas eran eles:
os nenos do castro. Flanqueados polas miñas compañeiras Tuti Gil e Marta
Miranda, que case gozaron tanto da visita como esta marabillosa tolemia de
diminutos castrexos, posan nas míticas
escaleiras, erguen os brazos e abren a boca para berrar ben forte: Baroña!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario