Cando se leva tanto tempo nun xacemento, a situación de complicidade cos restos acada límites insospeitados. Un dos síntomas máis rechamantes desa entrañable doenza, tan propia dos arqueólogos, é o de substituír a nomenclatura, máis ou menos científica, por termos tirados do ambiente local.
Pois ben, para nós esta é a ”proa de Baroña”: unha espectacular e magnífica estrutura defensiva, a nova imaxe dun inmenso cetáceo de cachotería que, ata fai ben pouco, berraba por tempos mellores. Nas fotos, tiradas este xoves catorce da maio, pode observarse en toda a súa plenitude o colosal esforzo construtivo que se fixo na Punta do Castro nos “días de viño e rosas” dunha Idade do Ferro a piques de colapsar.
A proa, evidentemente, é a torre de flanqueo da barbacá, que, vista dende o paseo de rolda, mentres Tuti repasa a consolidación do paramento interior, semella un anticipo dos “revellines” e bastidas que protexeron as portas de moitas das vilas e cidades fortificadas galegas dende o final da Idade Media.
As outras imaxes, instantáneas tiradas nos momentos de descanso que che permite este xigante masivo que é Baroña, reflicten ben ás claras o escenario de absoluta modernidade que caracterizou á arquitectura defensiva de Baroña. Unha superposición de elementos que converteron ao noso castro nun auténtico manual da arte da fortificación castrexa. Unha obra, soberbia e imaxinativa, na que atopamos sistemas e solucións propias de épocas máis recentes, como a planta angular do remate da barbacá, a galería descuberta protexida por parapeto ou o pequeno e incómodo corpo de garda.
Non sabemos si este plan foi consecuencia dun talentoso proxecto individual ou resposta a unha idea madurada e planeada de xeito colectivo. Pero, dende logo, no seu tempo foi unha fábrica magnífica que desbordou enxeño e recursos, unha obra crepuscular e poderosa. Ao fin e ao cabo, todos intuímos que as comunidades de fins da Idade do Ferro corrían embaladas a un novo destino, pero ¿alguén adiviña a meta?.
No hay comentarios:
Publicar un comentario