jueves, 11 de junio de 2015

NA PRIMEIRA LIÑA

A muralla escavada esta última campaña forma parte dun aparato máis complexo e non pode entenderse sen ter en conta as potentes estruturas que pechan os outros recintos e que configuran un aparato magnífico, quizás un dos mellores exemplos de arquitectura defensiva antiga de todo o Noroeste.                                          









Por iso traemos hoxe a colación a "primeira liña", a vangarda fortificada de Baroña: o foxo, escavado na rocha viva, e a muralla que pechan o istmo e dan paso ao primeiro recinto, un espazo hoxe baleiro e batido polas mareas que antecede á gran porta monumental e ás plataformas habitadas. O aspecto deste sistema, descuberto no seu día por Luengo e logo volto a escavar e restaurado polo noso equipo nos anos 2012 e 2013, é colosal. Abonda con reflectir a súa anchura de dez metros (seis para a muralla e catro para a monumental gabia), unhas medidas que, para unha única construción lineal, só se chegan a superar nas cortinas con glacis das fortificacións de Época Moderna. Como reflicten as fotografías, e unha vez salvado este obstáculo soberbio, tanto os simples visitantes como unha hipotética forza inimiga aínda terían que afrontarse á poderosa dobre muralla e á barbacá que protexen o promontorio rochoso. Sen dúbida, unha aposta moi complicada e arriscada para calquera.
O Castro de Baroña foi construído de costas ao mar e dominando a terra firme. A diferenza das altas cercas dos conventos barrocos e das tapias bunquerizadas das prisións do noso tempo, os seus muros non se pensaron para impedir a fuxida, senón para dificultar o acceso masivo e o asalto. A mensaxe estaba moi clara: déixate ver e chama antes de entrar.


jueves, 4 de junio de 2015

A PRAZA FORTE

Dende logo, vivir nun lugar rodeado de murallas, rotos os horizontes por longas cortinas grises, tiña que imprimir carácter, pero non debemos caer na tentación e concibir ás cercas como estruturas estáticas, levantadas  simplemente para ser admiradas e contempladas dende fóra. E isto vale para calquera lugar fortificado, dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea, e, por suposto, para o Castro de Baroña.

O último ciclo de intervencións, iniciado na mítica primavera de 2012, revelou que o poderoso sistema defensivo do castro, sobre todo no colosal sistema de pecha os recintos habitados, non só formaba unha colosal escenografía, senón que tamén foi construído para cumprir as función básicas de toda fortificación: a observación estratéxica e a defensa. E non eran lugares illados e intocables, como os restos musealizados das ruínas que hoxe podemos contemplar en moitos lugares, senón que formaban parte da organización interna e da vida cotiá do asentamento.

A primeira foto é toda unha visión da nova Baroña vista dende dentro, un reflexo da perspectiva que tiñan os castrexos que a habitaron: a porta monumental que accede ao segundo recinto e  os lenzos de muralla que a flanquean. Que esta muralla construíuse para ser utilizada, se chegase o caso,  demóstrase polos sofisticados sistemas de acceso ao adarve. Á dereita podemos ver a escaleira afrontada, consolidada en 2012, que saltaba ao camiño de rolda por sinxelos pasos encastrados no paramento;  e á esquerda, ao lado do corpo de garda, a escada en V e pasos compensados descuberta nesta mesma campaña. Temos que ter en conta que, detrás deste soberbio pano, aínda atopamos o paramento achanzado de máis de cinco metros de altura da primeira muralla, o corredor, a barbacá e a coiraza exterior co seu parapeto, ese brutal paramento ciclópeo que reflicte a segunda imaxe. Un alarde e enxeñería defensiva pensado para ser inexpugnable.
Os formidables mestres de obras castrexos que proxectaron a reforma das defensas da última Baroña, concibíronas como auténticas plataformas de combate. Por iso, cada vez que camiño polo corredor, lembro o Deserto dos Tártaros de Dino Buzzati. Esta  novela hipnótica é unha metáfora da Europa do seu tempo, pero tamén unha reflexión sobre o medo, o terror colectivo que leva ao illamento. E eu, apoiado no peitoril que dá a nacente e ollando o deserto morto, como facía o tenente Drogo, non deixo de preguntarme: a quen esperaban?


lunes, 1 de junio de 2015

CARIÑO PARA A VELLA DAMA

A verdade, eu non coñezo a ninguén que non  ame a Baroña. Nestes longos días de finais da primavera, a Punta do Castro  latexa axudada polos corazóns das dez persoas que levamos dous meses parapetadas no seu colo, pero tamén polo espírito dos milleiros de persoas que se achegan cada ano a gozar no seu seo. Coidar dela non é un traballo calquera, e nunca o vimos así. Por iso non me gusta falar de “mantemento” ou “acondicionamento”, palabras funcionais que non lle fan xustiza. As labores de reposición de elementos caídos e de roza de vexetación, como os que levan facendo estas xornadas, non só a fan máis fermosa e atractiva, senón que axudan a que os visitantes a respecten e a mimen, como a unha vella dama da Idade do Ferro que chegou ata nós para quedarse.
Observen agora o xeito de entrar que ten este grupo de alumnos dun colexio da Coruña, vestidos todos co uniforme amarelo das clases de ximnasia, tal e como manda a xornada lúdica ao aire libre. Entraron en orde e fixeron a visita guiada, respectaron os itinerarios, ficaron abraiados polos restos, … pero berraron, disfrutaron  e riron como os que máis. Vista de novo esta foto, e tendo en conta o sen parar de excursións escolares que se achegan ao castro por estas datas, lembro aquela luminosa resposta que me deu Miguel, restaurador bregado en centos de batallas de campo, cando, na primeira campaña daquel marabilloso verán de 2012, quixen saber si as visitas masivas de rapaces podían complicar a restauración dun xacemento tan complexo. “En absoluto, Tito. Isto é o mellor que nos podía pasar, traballamos para eles”.