miércoles, 27 de mayo de 2015

MATRIOSKA

Aproando cara á recta final da intervención, todo aquel que se achegue ao Castro de Baroña estes días pode contemplar un espectáculo formidable: unha soberbia composición de longas cortinas murarias que se solapan e xustapoñen, anulándose nalgúns casos, integrándose outras nunha obra nova e renovadora.
Na foto, tirada ao medio día  deste luminoso martes de maio, pódese observar unha das áreas  de actuación prioritaria, a zona norte da muralla, un sector historicamente nunca ben definido. Á esquerda apréciase a segunda muralla, seguida do formidable corredor, onde se atopa Marta, que se apoia na muralla achanzada da primeira fortaleza. En primeiro plano, Champi traballa no levantamento dos recrecidos levantados con formigón nos anos oitenta, aquela especie de muro en V que,  na Baroña que coñecíamos,  semellaba unha  dobre rampla de acceso ao socalco inferior. Incluso nun estado tan pouco avanzado, somos quen de intuír  os restos dun novo e complexo escenario.

Con toda esta sucesión de coirazas, Baroña lémbrame cada día máis a unha matrioska, unha desas típicas  bonecas rusas que se van abrindo e dentro, sucesivamente, aparecen outras, máis pequenas, pero igual de fermosas e enigmáticas.

lunes, 25 de mayo de 2015

ESCENAS EN BRANCO E NEGRO


Ás veces, no rexistro gráfico histórico dun xacemento aparecen instantáneas marabillosas. É o caso desta fotografía do Castro de Baroña, moi pouco difundida entre o gran público pero coñecida no noso pequeno mundo xa que foi publicada polo profesor J.J. Eiroa hai xa vinte e sete anos (“La Cultura Castreña del Noroeste de la Península Ibérica 15 años después”, en Anales de Prehistoria y Arqueología, nº 4, px. 5, 1988).
A imaxe reflicte o comezo das intervencións de Francisco Calo e Teresa Soeiro no terceiro recinto do poboado. Correspóndese, sen dúbida, coa primeira campaña, no verán de 1980. Cunha simple ollada,  podemos contemplar todo o que caracterizaba á Baroña daqueles tempos: os monumentais restos descubertos por Luengo, escavados seguindo a arcaica metodoloxía do “seguimento de muros”, a zona de escavación daquel ano, planeada segundo o sistema Wheeler, case de obrigado cumprimento por aquelas datas, e os fantásticos pantalóns de campá que porta con garbo algunha das figuras que se move polo escenario. Todo un fósil director para cronoloxías relativas.
En todo caso, escollemos este aporte á galería baroñesa como unha homenaxe e un recoñecemento a todos aqueles arqueólogos que nos precederon neste xacemento dos milagres dende a afastada data de 1933, cando González – García Paz fixo a  súa primeira escavación. Non sobra ninguén  e estou seguro de que todos, cada un no seu tempo, deron o mellor de si mesmos. Por iso a Punta do Castro, esa inmensa dorna de pedra dura e moura, forma hoxe a proa dos castros galegos.

miércoles, 20 de mayo de 2015

UN TÚNEL AO AIRE LIBRE

Existen poucas sensacións parecidas a circular polo corredor intramuros de Baroña. Cando o castro vivía, tiña que ser espectacular aproximarse á barbacá para dexergar o areal da Polveira e seguro que había empurróns por ser o primeiro en empoleirarse ao peitoril. Pero agora é outro conto.
Todos os esforzos do equipo céntranse nestes días na escavación e consolidación da muralla exterior e do corredor, un traballo colosal que forma a aldaba desta campaña. Unha vez rematada esta fase, nada volverá a ser igual. ¿Qué pensaría un castrexo baroñés se vise á piña de arqueólogos (o equipo en pleno) dispostos en fía india sobre o que un día foi un paso estreito no corazón do seu sistema defensivo? Nunca o saberemos, pero esa sensación de túnel, saturado de xente obrando de xeito individual e coordinado, unha visión cinematográfica de buque submarino en zafarrancho,  seguro recordábaos á construción das súas propias murallas, as que nós estamos agora escavando.
E a conto de todo isto, a bomba: hoxe mércores xa completamos preto de 150 m. de muralla orixinal (a antiga, achanzada) descuberta e a piques de consolidar. Como é norma, Marta e Yolanda, quen reproduce espontaneamente a pose de traballo dos talentosos capataces castrexos, non perderon tempo en rexistrar en plano os novos tramos.


lunes, 18 de mayo de 2015

NORDÉS

O día a día da práctica arqueolóxica en Baroña tamén é o das súas peculiares condicións climáticas. Cando chove, chove arreo; cando peta o sol, abrásaste; e cando fai vento, todo voa polo ar e mesmo resulta difícil manterse en pé. E hoxe foi una xornada destas.
Todo comezou a primeira hora da mañá, cuns inocentes salseiros que mesmo refrescaban. Logo, entablouse o nordés, o vento máis temido polos mariñeiros da ría, e aquilo foi un sen parar de capachos voando e terra ciscada. Unha situación familiar para os que coñecemos a Punta do Castro, e que se aguantaría ben si non fose porque tocou traballar nas murallas, mesmo sobre o adarve, no corredor e no paramento exterior do muro ciclópeo. Non esaxero si digo que, lambendo a hora do sagrado xantar, a Punta do Castro convertérase nun xigantesco remuíño de terra e area.
Pero este equipo o aguanta todo. Aí temos a Pablo e Acebo consolidando a coroación do peitoril da barbacá, ben escoltados por esta marabillosa muralla achanzada. Pouco despois, Miguel levounos ao topo da primeira cerca, e aquí mantiveron o tipo contra vento e marea.
O Castro de Baroña é un reto, e dos grandes. Pero no medio dunha actuación tan masiva, tamén hai lugar para o mantemento dos restos en “estado de revista”, fundamental nun xacemento tan visitado como este. Yolanda, Tuti e Marta sorrín á cámara mentres limpan e acondicionan o paramento interior da muralla, nas inmediacións da porta monumental que accede dá paso ao segundo recinto. Detrás de Marta, pode verse outra das escadas que accedía ao camiño de rolda.





viernes, 15 de mayo de 2015

PROA Á VISTA...!


Cando se leva tanto tempo nun xacemento, a situación de complicidade cos restos acada límites insospeitados. Un dos síntomas máis rechamantes desa entrañable doenza, tan propia dos arqueólogos, é o de substituír a nomenclatura, máis ou menos científica, por termos tirados do ambiente local.
Pois ben, para nós esta é a ”proa de Baroña”: unha espectacular e magnífica estrutura defensiva, a nova imaxe dun inmenso cetáceo de cachotería que, ata fai ben pouco, berraba por tempos mellores. Nas fotos, tiradas este xoves catorce da maio, pode observarse en toda a súa plenitude o colosal esforzo construtivo que se fixo na Punta do Castro nos “días de viño e rosas” dunha Idade do Ferro a piques de colapsar.
A proa, evidentemente, é a torre de flanqueo da barbacá, que, vista dende o paseo de rolda, mentres Tuti repasa a consolidación do paramento interior, semella un anticipo dos “revellines”  e bastidas que protexeron as portas de moitas das vilas e cidades fortificadas galegas  dende o final da Idade Media.
As outras imaxes, instantáneas tiradas nos momentos de descanso que che permite este xigante masivo que é Baroña, reflicten ben ás claras o escenario de absoluta modernidade que caracterizou á arquitectura defensiva de Baroña. Unha superposición de elementos que converteron ao noso castro nun auténtico manual da arte da fortificación castrexa. Unha obra, soberbia e imaxinativa, na que atopamos sistemas e solucións propias de épocas máis recentes, como a planta angular do remate da barbacá, a galería descuberta protexida por parapeto ou o pequeno e incómodo corpo de garda.
Non sabemos si este plan foi consecuencia dun talentoso proxecto individual ou resposta a unha idea madurada e planeada de xeito colectivo. Pero, dende logo, no seu tempo foi unha fábrica magnífica que desbordou enxeño e recursos, unha obra crepuscular e poderosa. Ao fin e ao cabo, todos intuímos que  as comunidades de fins da Idade do Ferro corrían embaladas a un novo destino, pero ¿alguén adiviña a meta?.

 






martes, 12 de mayo de 2015

OS PEQUENOS CASTREXOS DE BAROÑA

“Sesenta alumnos; sete docentes; cuarto de infantil ata sexto de primaria; de tres a doce anos; CEIP Campanario”. Datos estatísticos tirados do caderno de campo e que son obrigatorios neste “sen parar” constante de visitas escolares que é o Castro de Baroña. Pero, de tan fríos que son, non fan  xustiza á foto que acompaña este relato, ¿e saben  a razón? Pois é ben sinxela: o CEIP Campanario é o colexio de Baroña, o herdeiro daquelas escolas unitarias do rural galego que aínda viven na memoria de moitos de nós.
Por iso hoxe, cando descargaba sacos de morteiro e sentín o berro dos compañeiros: “Veñen os rapaces!!”, púxoseme a pel de galiña e souben que esta era una visita especial: estaban no seu castro, no castro da súa parroquia.
Orellán, Abuín, Tarrío,… sempre me fascinaron os topónimos da vella  freguesía de Baroña, con esas sonoridades contundentes que lembran a guerreiros pondalianos. Pero os protagonistas eran eles: os nenos do castro. Flanqueados polas miñas compañeiras Tuti Gil e Marta Miranda, que case gozaron tanto da visita como esta marabillosa tolemia de diminutos castrexos, posan  nas míticas escaleiras, erguen os brazos e abren a boca para berrar ben forte: Baroña!! 

jueves, 7 de mayo de 2015

ESCALEIRA AO CEO

Poucos anos despois de que os Led Zeppelin compuxeran a súa lendaria canción, en Baroña aconteceu  un suceso extraordinario: mudou de pel. Como un deses lagartos arnaos que te fitan desafiantes sobre as pedras ao sol da mañá quente, botou no lombo unha nova camisa. As primeiras  consolidacións dos restos arqueolóxicos escavados no seu día por Luengo, extensos frontes de derrubes e muros empoleirados sobre os cantís, acoirazaron os vestixios arqueolóxicos cunha resistente funda de pedra e formigón. Salvaron o depósito histórico, e ese é o seu gran e innegable mérito, pero crearon unha paisaxe monótona de circos pechados e longos valados de pedra. Un escenario mudo e inmóbil.
Sen embargo, o Castro de Baroña, lugar máxico por natureza, é especial, ata o punto de que nel pode facerse arqueoloxía  sen escavar. Xa o tiñamos demostrado nas campañas de 2012, coa aparición das portas das casas, e agora comprobouse cun dos descubrimentos máis sensacionais realizados ata a data. A observación e a análise previa das estruturas arquitectónicas, tanto in situ como sobre a  documentación  gráfica antiga pódenos levar a achados impensables. Neste caso, a descuberta dun fantástico sistema de acceso ao adarve da muralla, axuntado ao interior do paramento  do primeiro recinto habitado. Trátase dunha escaleira en V,dobre e con chanzos xustapostos de xeito alterno. Pero esta estrutura marabillosa non estaba soa. Hai que poñela en relación  co sofisticado  proxecto de enxeñería defensiva que converteu a porta do castro dun monumento de gran forza escenográfica: un inmenso pano ciclópeo adornado por corpos de garda e torre barbacá.
Este achado volve a demostrar que o Castro está máis vivo que nunca e que podemos empezar a imaxinar ás persoas que subiron ao camiño de rolda polos seus chanzos gastados. Sei que nunca coñecerei os seu nomes, pero agora estou seguro de saber por onde se movían … e cada noite soño con eles.
Só foi preciso desmontar un paramento falso para que aparecese unha obra admirable. Baroña: o castro do que nunca te marchas sen volver a vista atrás e, tamén dende agora, o xacemento que se escava cos ollos.
  

martes, 5 de mayo de 2015

"PARA COLLER VUELO...."

Eu pensaba que só ía ser unha xornada de transición, despois da surada de onte, pero ao final do día decateime que era un intermedio, como din en Ordes, “para coller vuelo”. Así as cousas, o equipo de restauración comezou a desmontar os falsos paramentos inzados na zona da porta nos anos oitenta; na outra banda do castro, un ousado equipo de arqueólogos decidiu acometer a escavación das unidades de rexistro interiores do corte 2, una zona intramuros que fora parcialmente escavada por Luengo a finais dos anos 60.

Luengo era peculiar, e eu estou convencido que adicou a súa vida a procurar una especie de Santo Grial. Esa copa máxica eran os cemiterios dos castrexos, as tumbas da Idade do Ferro. Agora estamos nas capas superficiais, estratos estériles e revoltos, xusto por riba das cacharelas e os niveis de cinza que el albiscou, non se atreveu a proseguir e tapou. Seguirán aí? Foron a ensoñación dun arqueólogo iluminado pero intuitivo? Non o sei, pero Baroña, polisémica por natureza, ofrecerá, máis que respostas, novas e imprevisibles preguntas.


EXCURSIÓN!!

Sempre semella o mesmo, pero nunca é igual. O que si se parece é o berro: Excursión!!, que sae das gorxas dos compañeiros que traballan sobre o adarve, como se fosen castrexos de pura cepa. Bromas aparte, é un reto manter Baroña “aberto por obras” durante unha restauración deste calibre, pero paga a pena e o xacemento, descomunal e icónico, o merece. Por eso, as visitas guiadas a grupos escolares forman parte do noso día adía, algo que nos gusta e un reto que dá sentido ao noso traballo.
Onte, o temporal de auga e vento non permitiu a visita dos rapaces do CEIP de Baroña ao castro da súa parroquia, cita aprazada para o próximo luns, pero hoxe, co ceo calmo, achegáronse canda nós os alumnos do Colexio da Compañía de María de Cangas do Morrazo,un clásico baroñés de tempada xa que acoden  todos os anos, nunha especie de liturxia que se prolonga curso a curso.
E aí están recorrendo a Punta do Castro e posando, noutro ritual clásico da  nosa querida Baroña, nas enigmáticas escaleiras que dan paso ao terceiro recinto.




lunes, 4 de mayo de 2015

DÍA DIFÍCIL NA PUNTA DO CASTRO

Hoxe foi un día difícil na Punta do Castro, no medio e medio dunha “surada” como hai tempo non vía. Malia a choiva intensa, a saraiba e o vento furacanado, o traballo de escavación e restauración do sistema defensivo seguiu adiante.

Na fotografía, tirada esta mesma mañá, podemos ver a Miguel e Pablo concentrados na consolidación do fermoso muro interior. Ao seu pé, parte do corredor que separa os dous lenzos defensivos e á dereita, o parapeto da muralla exterior, nunha perspectiva moi semellante á que tería un habitante do castro nunha mañá de temporal calquera.

BAROÑA: SON DO MAR

Hoxe toca presentación: a de BAROÑA: SON DO MAR, o blog do Proxecto de Acondicionamento e Consolidación Arqueolóxica no Castro de Baroña. Esta actuación dá continuidade ao ciclo comezado na primavera do ano 2012, una serie de intervencións, executadas polo equipo de Terra Arqueos, que volveron a colocar a este soberbio xacemento na proa do Patrimonio Cultural galego.
Planeamos esta publicación como una plataforma activa de difusión e divulgación da campaña arqueolóxica, pero tamén dos valores do Castro e do lugar no que se insire:a parroquia de Baroña e o concello de Porto do Son. Por iso o estruturamos en varios apartados que fan xustiza a este depósito tan singular: un caderno de campo, onde reflectimos o día a día da intervención; un apartado dedicado á arqueoloxía de Porto do Son, onde se dan a coñecer outros bens patrimoniais próximos, incluíndo o seu acceso; un apartado dedicado a mostrar a incidencia do plan de difusión sobre a comunidade local e a proxección turística; e unha emotiva galería de fotos e imaxes, moitas delas testemuñas de vellas e fatigosas campañas nas que tivemos a sorte de participar.
E para mostra, un botón. Existía a crenza xeneralizada que a Punta do Castro, despois de case un século de escavacións arqueolóxicas, era un xacemento ata certo punto esgotado. Pero en arqueoloxía as cousas non son tan sinxelas e rara vez son o que parecen. A intervención na muralla que pecha o segundo recinto, que implica a escavación de varios cortes transversais que atravesan todo o sistema defensivo (caracterizado, ata agora, por ese rechamante e confuso conxunto de muros acahnzados) e o desmonte das vellas consolidacións dos anos 80 do século pasado, sacaron á luz algo que ninguén esperaba: una arquitectura sofisticada e monumental, complexa na súa concepción e moi “de vangarda” para a época.
Agora sabemos que Baroña tivo, no seu intre de esplendor, un aspecto impoñente. A súa muralla, un longo lenzo de máis de 5 m. de altura conservados, de espectacular e vistosa factura, foi posteriormente reforzada por un contundente “forro” ou reforzo, de aparello ciclópeo. Este alarde construtivo non se queda aí, e, no seu derradeiro nivel de ocupación, a porta de entrada, una das “marcas da casa” deste asentamento, configúrase como un espazo descomunal, dotado incluso de corpos de garda e torre de flanqueo, un sistema moi desenvolvido que en Galicia practicamente non se chega a superar ata a arquitectura abaluartada de Época Moderna.
¿Quen diaños viviría aquí? ¿A qué resposta un esforzo construtivo de tal magnitude? Non son preguntas que podamos resolver polo de agora. O que sí temos claro todos é que os castrexos de Baroña, os protagonistas deste  canto do cisne da Prehistoria, inzaron, no cabo do mundo, unha monumental praza forte, un auténtico “búnker” da Idade do Ferro.


Na fotografía pode verse parte da muralla antiga, de excelente aparello e paramento escalonado, en proceso de escavación. O seu trazado describe ao final unha planta curva que se correspondería cunha das torres de protección do sistema de acceso á primeira plataforma habitada. A zona desfeita correspóndese cunha intrusión recente.