jueves, 11 de junio de 2015

NA PRIMEIRA LIÑA

A muralla escavada esta última campaña forma parte dun aparato máis complexo e non pode entenderse sen ter en conta as potentes estruturas que pechan os outros recintos e que configuran un aparato magnífico, quizás un dos mellores exemplos de arquitectura defensiva antiga de todo o Noroeste.                                          









Por iso traemos hoxe a colación a "primeira liña", a vangarda fortificada de Baroña: o foxo, escavado na rocha viva, e a muralla que pechan o istmo e dan paso ao primeiro recinto, un espazo hoxe baleiro e batido polas mareas que antecede á gran porta monumental e ás plataformas habitadas. O aspecto deste sistema, descuberto no seu día por Luengo e logo volto a escavar e restaurado polo noso equipo nos anos 2012 e 2013, é colosal. Abonda con reflectir a súa anchura de dez metros (seis para a muralla e catro para a monumental gabia), unhas medidas que, para unha única construción lineal, só se chegan a superar nas cortinas con glacis das fortificacións de Época Moderna. Como reflicten as fotografías, e unha vez salvado este obstáculo soberbio, tanto os simples visitantes como unha hipotética forza inimiga aínda terían que afrontarse á poderosa dobre muralla e á barbacá que protexen o promontorio rochoso. Sen dúbida, unha aposta moi complicada e arriscada para calquera.
O Castro de Baroña foi construído de costas ao mar e dominando a terra firme. A diferenza das altas cercas dos conventos barrocos e das tapias bunquerizadas das prisións do noso tempo, os seus muros non se pensaron para impedir a fuxida, senón para dificultar o acceso masivo e o asalto. A mensaxe estaba moi clara: déixate ver e chama antes de entrar.


jueves, 4 de junio de 2015

A PRAZA FORTE

Dende logo, vivir nun lugar rodeado de murallas, rotos os horizontes por longas cortinas grises, tiña que imprimir carácter, pero non debemos caer na tentación e concibir ás cercas como estruturas estáticas, levantadas  simplemente para ser admiradas e contempladas dende fóra. E isto vale para calquera lugar fortificado, dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea, e, por suposto, para o Castro de Baroña.

O último ciclo de intervencións, iniciado na mítica primavera de 2012, revelou que o poderoso sistema defensivo do castro, sobre todo no colosal sistema de pecha os recintos habitados, non só formaba unha colosal escenografía, senón que tamén foi construído para cumprir as función básicas de toda fortificación: a observación estratéxica e a defensa. E non eran lugares illados e intocables, como os restos musealizados das ruínas que hoxe podemos contemplar en moitos lugares, senón que formaban parte da organización interna e da vida cotiá do asentamento.

A primeira foto é toda unha visión da nova Baroña vista dende dentro, un reflexo da perspectiva que tiñan os castrexos que a habitaron: a porta monumental que accede ao segundo recinto e  os lenzos de muralla que a flanquean. Que esta muralla construíuse para ser utilizada, se chegase o caso,  demóstrase polos sofisticados sistemas de acceso ao adarve. Á dereita podemos ver a escaleira afrontada, consolidada en 2012, que saltaba ao camiño de rolda por sinxelos pasos encastrados no paramento;  e á esquerda, ao lado do corpo de garda, a escada en V e pasos compensados descuberta nesta mesma campaña. Temos que ter en conta que, detrás deste soberbio pano, aínda atopamos o paramento achanzado de máis de cinco metros de altura da primeira muralla, o corredor, a barbacá e a coiraza exterior co seu parapeto, ese brutal paramento ciclópeo que reflicte a segunda imaxe. Un alarde e enxeñería defensiva pensado para ser inexpugnable.
Os formidables mestres de obras castrexos que proxectaron a reforma das defensas da última Baroña, concibíronas como auténticas plataformas de combate. Por iso, cada vez que camiño polo corredor, lembro o Deserto dos Tártaros de Dino Buzzati. Esta  novela hipnótica é unha metáfora da Europa do seu tempo, pero tamén unha reflexión sobre o medo, o terror colectivo que leva ao illamento. E eu, apoiado no peitoril que dá a nacente e ollando o deserto morto, como facía o tenente Drogo, non deixo de preguntarme: a quen esperaban?


lunes, 1 de junio de 2015

CARIÑO PARA A VELLA DAMA

A verdade, eu non coñezo a ninguén que non  ame a Baroña. Nestes longos días de finais da primavera, a Punta do Castro  latexa axudada polos corazóns das dez persoas que levamos dous meses parapetadas no seu colo, pero tamén polo espírito dos milleiros de persoas que se achegan cada ano a gozar no seu seo. Coidar dela non é un traballo calquera, e nunca o vimos así. Por iso non me gusta falar de “mantemento” ou “acondicionamento”, palabras funcionais que non lle fan xustiza. As labores de reposición de elementos caídos e de roza de vexetación, como os que levan facendo estas xornadas, non só a fan máis fermosa e atractiva, senón que axudan a que os visitantes a respecten e a mimen, como a unha vella dama da Idade do Ferro que chegou ata nós para quedarse.
Observen agora o xeito de entrar que ten este grupo de alumnos dun colexio da Coruña, vestidos todos co uniforme amarelo das clases de ximnasia, tal e como manda a xornada lúdica ao aire libre. Entraron en orde e fixeron a visita guiada, respectaron os itinerarios, ficaron abraiados polos restos, … pero berraron, disfrutaron  e riron como os que máis. Vista de novo esta foto, e tendo en conta o sen parar de excursións escolares que se achegan ao castro por estas datas, lembro aquela luminosa resposta que me deu Miguel, restaurador bregado en centos de batallas de campo, cando, na primeira campaña daquel marabilloso verán de 2012, quixen saber si as visitas masivas de rapaces podían complicar a restauración dun xacemento tan complexo. “En absoluto, Tito. Isto é o mellor que nos podía pasar, traballamos para eles”.

miércoles, 27 de mayo de 2015

MATRIOSKA

Aproando cara á recta final da intervención, todo aquel que se achegue ao Castro de Baroña estes días pode contemplar un espectáculo formidable: unha soberbia composición de longas cortinas murarias que se solapan e xustapoñen, anulándose nalgúns casos, integrándose outras nunha obra nova e renovadora.
Na foto, tirada ao medio día  deste luminoso martes de maio, pódese observar unha das áreas  de actuación prioritaria, a zona norte da muralla, un sector historicamente nunca ben definido. Á esquerda apréciase a segunda muralla, seguida do formidable corredor, onde se atopa Marta, que se apoia na muralla achanzada da primeira fortaleza. En primeiro plano, Champi traballa no levantamento dos recrecidos levantados con formigón nos anos oitenta, aquela especie de muro en V que,  na Baroña que coñecíamos,  semellaba unha  dobre rampla de acceso ao socalco inferior. Incluso nun estado tan pouco avanzado, somos quen de intuír  os restos dun novo e complexo escenario.

Con toda esta sucesión de coirazas, Baroña lémbrame cada día máis a unha matrioska, unha desas típicas  bonecas rusas que se van abrindo e dentro, sucesivamente, aparecen outras, máis pequenas, pero igual de fermosas e enigmáticas.

lunes, 25 de mayo de 2015

ESCENAS EN BRANCO E NEGRO


Ás veces, no rexistro gráfico histórico dun xacemento aparecen instantáneas marabillosas. É o caso desta fotografía do Castro de Baroña, moi pouco difundida entre o gran público pero coñecida no noso pequeno mundo xa que foi publicada polo profesor J.J. Eiroa hai xa vinte e sete anos (“La Cultura Castreña del Noroeste de la Península Ibérica 15 años después”, en Anales de Prehistoria y Arqueología, nº 4, px. 5, 1988).
A imaxe reflicte o comezo das intervencións de Francisco Calo e Teresa Soeiro no terceiro recinto do poboado. Correspóndese, sen dúbida, coa primeira campaña, no verán de 1980. Cunha simple ollada,  podemos contemplar todo o que caracterizaba á Baroña daqueles tempos: os monumentais restos descubertos por Luengo, escavados seguindo a arcaica metodoloxía do “seguimento de muros”, a zona de escavación daquel ano, planeada segundo o sistema Wheeler, case de obrigado cumprimento por aquelas datas, e os fantásticos pantalóns de campá que porta con garbo algunha das figuras que se move polo escenario. Todo un fósil director para cronoloxías relativas.
En todo caso, escollemos este aporte á galería baroñesa como unha homenaxe e un recoñecemento a todos aqueles arqueólogos que nos precederon neste xacemento dos milagres dende a afastada data de 1933, cando González – García Paz fixo a  súa primeira escavación. Non sobra ninguén  e estou seguro de que todos, cada un no seu tempo, deron o mellor de si mesmos. Por iso a Punta do Castro, esa inmensa dorna de pedra dura e moura, forma hoxe a proa dos castros galegos.

miércoles, 20 de mayo de 2015

UN TÚNEL AO AIRE LIBRE

Existen poucas sensacións parecidas a circular polo corredor intramuros de Baroña. Cando o castro vivía, tiña que ser espectacular aproximarse á barbacá para dexergar o areal da Polveira e seguro que había empurróns por ser o primeiro en empoleirarse ao peitoril. Pero agora é outro conto.
Todos os esforzos do equipo céntranse nestes días na escavación e consolidación da muralla exterior e do corredor, un traballo colosal que forma a aldaba desta campaña. Unha vez rematada esta fase, nada volverá a ser igual. ¿Qué pensaría un castrexo baroñés se vise á piña de arqueólogos (o equipo en pleno) dispostos en fía india sobre o que un día foi un paso estreito no corazón do seu sistema defensivo? Nunca o saberemos, pero esa sensación de túnel, saturado de xente obrando de xeito individual e coordinado, unha visión cinematográfica de buque submarino en zafarrancho,  seguro recordábaos á construción das súas propias murallas, as que nós estamos agora escavando.
E a conto de todo isto, a bomba: hoxe mércores xa completamos preto de 150 m. de muralla orixinal (a antiga, achanzada) descuberta e a piques de consolidar. Como é norma, Marta e Yolanda, quen reproduce espontaneamente a pose de traballo dos talentosos capataces castrexos, non perderon tempo en rexistrar en plano os novos tramos.


lunes, 18 de mayo de 2015

NORDÉS

O día a día da práctica arqueolóxica en Baroña tamén é o das súas peculiares condicións climáticas. Cando chove, chove arreo; cando peta o sol, abrásaste; e cando fai vento, todo voa polo ar e mesmo resulta difícil manterse en pé. E hoxe foi una xornada destas.
Todo comezou a primeira hora da mañá, cuns inocentes salseiros que mesmo refrescaban. Logo, entablouse o nordés, o vento máis temido polos mariñeiros da ría, e aquilo foi un sen parar de capachos voando e terra ciscada. Unha situación familiar para os que coñecemos a Punta do Castro, e que se aguantaría ben si non fose porque tocou traballar nas murallas, mesmo sobre o adarve, no corredor e no paramento exterior do muro ciclópeo. Non esaxero si digo que, lambendo a hora do sagrado xantar, a Punta do Castro convertérase nun xigantesco remuíño de terra e area.
Pero este equipo o aguanta todo. Aí temos a Pablo e Acebo consolidando a coroación do peitoril da barbacá, ben escoltados por esta marabillosa muralla achanzada. Pouco despois, Miguel levounos ao topo da primeira cerca, e aquí mantiveron o tipo contra vento e marea.
O Castro de Baroña é un reto, e dos grandes. Pero no medio dunha actuación tan masiva, tamén hai lugar para o mantemento dos restos en “estado de revista”, fundamental nun xacemento tan visitado como este. Yolanda, Tuti e Marta sorrín á cámara mentres limpan e acondicionan o paramento interior da muralla, nas inmediacións da porta monumental que accede dá paso ao segundo recinto. Detrás de Marta, pode verse outra das escadas que accedía ao camiño de rolda.